Palacio de Xustiza de Bruxelas
Palacio de Xustiza de Bruxelas | |
---|---|
Palacio de Xustiza en 2009. | |
Edificio | |
Estilo | Eclecticismo e neoclasicismo |
Enderezo | Place Poelaert 1 - Poelaertplein 1 |
Localización | Bruxelas, Bélxica |
Coordenadas | 50°50′12″N 4°21′06″L / 50.836667, 4.351667 |
Propietario | Estado belga |
Uso(s) | Palacio de Xustiza |
Construción | |
Inicio | 31 de outubro de 1866 |
Remate | 15 de outubro de 1883 |
Equipo | |
Arquitecto(s) | 1860–1879: Joseph Poelaert 1879–1883: Joseph Joachim Benoît |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Palacio de Xustiza de Bruxelas (en francés: Palais de Justice de Bruxelles e en neerlandés: Justitiepaleis van Brussel) é o edificio de xustiza máis importante de Bélxica, sede do distrito xudicial de Bruxelas, así como doutros xulgados e tribunais, entre os que se inclúen o Tribunal de Casación (a corte suprema belga), o Tribunal do Penal (o tribunal para os maiores crimes), o Tribunal de Apelación de Bruxelas, o Tribunal de primeira instancia de Bruxelas e o Colexio de Avogados de Bruxelas.
Foi deseñado polo arquitecto Joseph Poelaert cun estilo ecléctico de inspiración grecorromana para substituír o antigo Palacio de Xustiza.[1] O edificio actual construíuse entre 1866 e 1883. Cunha superficie de 26 006 m², foi o maior edificio construído no século XIX e aínda hoxe é un dos meirandes do seu tipo.[2] O custo total da súa construción, o terreo e o amoblado roldou os 50 millóns de francos belgas.[3][a] O edificio sufriu graves danos durante a segunda guerra mundial, cando se destruíu a cúpula. Posteriormente, reconstruíuse unha cúpula máis alta que a orixinal. Toda a estrutura leva en fase de renovación dende 1984.
Atópase na praza Poelaert (en francés: Place Poelaert e en neerlandés: Poelaertplein), no distrito de Marolles/Marollen. É un monumento importante da cidade e está comunicado coas liñas de metro 2 e 6, así como polas liñas 8 92 de tranvía.[4][5] Dende a parte máis baixa da cidade tamén se pode acceder usando un ascensor público.[6]
Historia
[editar | editar a fonte]Primeiro Palacio de Xustiza (1818–1892)
[editar | editar a fonte]O actual Palacio de Xustiza atópase no alto do outeiro Galgenberg (monte da forca), entre a parte alta e a baixa de Bruxelas, onde na Idade Media se enforcaban os criminais e convictos (de aí o seu nome).[7] Contruíuse un primeiro palacio de xustiza nun lugar diferente, no distrito de Sablon/Zavel, na Place du Palais/Paleisplein (a actual Place de la Justice/Gerechtsplein), entre a Rue de l'Empereur/Keizerstraat (o actual Boulevard de l'Empereur/Keizerlaan) e a desaparecida Rue d'Or/Guldenstraat.[8]
Construída entre 1818 e 1823 polo arquitecto francés François Verly no lugar dunha antiga igrexa xesuíta,[9] esta primeira estrutura neoclásica deteriorouse moi axiña, polo que a necesidade de construír un novo e meirande palacio de xustiza xurdiu xa en 1837. A idea era que a construción acollese as xurisdicións militares e civís baixo un só teito.[1] A elección do lugar, porén, xerou unha morea de controversias. Inicialmente se planeou reconstruílo no mesmo lugar que o anterior, mais este proxecto, cun custo estimado de 3 millóns de francos belgas,[b] rexeitouse decontado.[10] A idea de facelo no novo barrio Leopoldo na parte leste da cidade tampouco tivo éxito. En 1846 e 1847, tamén se refugou outro proxecto de reconstrución.
-
O antigo Palacio de Xustiza (Verly, 1823) na Place du Palais/Paleisplein.
-
Inicio da demolición do antigo Palacio de Xustiza (1892).
-
Demolición e construción da Rue Lebeau/Lebeaustraat (1892).
Comezo do proxecto (1858–1866)
[editar | editar a fonte]En 1858, o daquela Ministro de Xustiza, Victor Tesch, suxeriu por primeira vez os xardíns da Casa de Merode, onde se fixo a ampliación da Rue de la Régence/Regentschapsstraat. O gobernador da provincia de Brabante suxeriu que sería posíbel unir tamén o novo distrito Louise/Louiza co centro da cidade. Tras unha proposta do conselleiro do Tribunal de Apelación Gustave Bosquet, co obxectivo de instalar o edificio perpendicular á Rue de la Régence en lugar de á dereita desta ampliación,[11] encomendouse un estudo ao Enxeñeiro Xefe Groetaers. No seu informe, Groetaers recomendaba erguer un edificio de 26 000 m² cunha fachada de 100 metros. Os desacordos xurdidos entre Groetaers e o alcalde da cidade, fixeron que este último convocase un concurso para deseñar o edificio.[12]
O 27 de marzo de 1860 organizouse por decreto real unha competición internacional de arquitectura dotada con tres premios..[13] Despois de varias propostas infrutuosas, Tesch pediulle ao arquitecto municipal, Joseph Poelaert, que debuxase os planos do palacio en 1861.[14] O arquitecto xa gozaba dunha excelente sona, tendo no seu haber unha serie de proxectos moi prestixiosos na capital, como a Columna do Congreso (1850), a igrexa de Santa Catarina (1854) e a restauración do Teatro Real de La Monnaie (1855).[15]
En abril de 1862, Poelaert presentou un anteproxecto, que foi aprobado por Tesch. Foi entón en París, lonxe das presións e influencias de Bruxelas, cando Poelaert se retirou para poñer os últimos retoques aos seus plans. Alí reuniu un equipo de deseñadores, entre os que se atopaban Charles Laisné e Édouard Corroyer. Dado o lugar destacado que o Palacio de Xustiza ía ocupar na paisaxe urbana, Poelaert optou por un estilo ecléctico de inspiración grecorromana. Aínda que se inspirou no clasicismo, creou unha obra totalmente persoal e orixinal.[1]
Construción (1866–1883)
[editar | editar a fonte]Colocouse a primeira pedra o 31 de outubro de 1866.[16] Por petición de Poelaert, a dirección das obras foille encomendada ao enxeñeiro François Wellens, inspector xeral do Ministerio de Fomento e presidente da Real Comisión de Monumentos entre 1865 e 1897.[17][15] Despois da morte de Poelaert o 3 de novembro de 1879, a continuación da obra foi asumida polo arquitecto Joseph Joachim Benoît.[15] O edificio inaugurouno o 15 de outubro de 1883 o rei Leopoldo II en presenza da súa dona María Henriqueta de Austria, a súa filla a princesa Clementina e outros membros da familia real belga.[18][2] En canto ao antigo Palacio de Xustiza, foi demolido en 1892 para a facilitar a construción da Rue Lebeau/Lebeaustraat, que conduce á Place de la Justice.[19]
Para a construción do Palacio de Xustiza demoleuse unha parte do barrio dos Marolles/Marollen e tamén se expropiou a maior parte do xardín da Casa de Merode.[20] Os 75 terratenentes pertencentes á nobreza e á alta burguesía, moitos dos cales tiñan alí as súas casas,[21] recibiron grandes indemnizacións, mentres que os outros habitantes máis modestos, uns cen, tamén se viron obrigados a desprazarse polo Goberno belga, aínda que foron compensados con casas na cidade xardín de Tillens-Roosendael no Quartier du Chat no municipio de Uccle.[22]
O propio Poelaert residía nos Marolles, a só uns centos de metros do edificio, na Rue des Minimes/Minimenstraat, nunha casa contigua ás súas vastas oficinas e talleres e comunicando con eles.[23][24] Polo tanto, é pouco probable que se vise a si mesmo arruinando o barrio. Non obstante, moitos cidadáns enfadados culparon persoalmente a Poelaert dos desprazamentos forzados, e a expresión schieven architect (que significa "arquitecto vergonzoso") converteuse nun dos insultos máis graves no dialecto dos Marolles.[7] Aínda que a construción tivo lugar durante o reinado de Leopoldo II, o rei mostrou pouco interese polo edificio, e non se considera parte do seu extenso programa arquitectónico en Bruxelas nin do seu legado como "Rei Construtor".[25][26]
-
Plano (1866).
-
Durante a obra (1867).
-
Ensamblaxe das estadas (1875).
-
Colocación da última pedra (1882).
Danos e restauración (1945–presente)
[editar | editar a fonte]Ao final da segunda guerra mundial, en vésperas da liberación de Bruxelas, as forzas alemás en retirada iniciaron un incendio no Palacio de Xustiza para destruílo, así como os rexistros legais que contiña. Como consecuencia, a cúpula derrubouse e parte do edificio quedou moi danado. A explosión dun foguete V-1 na Rue des Minimes dous meses despois causou danos adicionais.[27] En 1947, os traballos de restauración foron encomendados ao arquitecto-enxeñeiro e custodio do Palacio, Albert Storrer.[28][29] En 1948, a maior parte do edificio estaba reparado, e a cúpula foi reconstruída 2,5 metros máis alta que a orixinal, cuxa forma un tanto plana fora criticada anteriormente.[30]
Porén, as obras de reforma do edificio están en marcha dende 1984.[31] Estas reformas corresponden á reparación e reforzo da estrutura da cuberta e dos muros, así como á colocación dunha nova capa sobre a cúpula dourada. En 2002-03 renovouse a cuberta e a estrutura reforzouse. O 1 de setembro de 2003, a lámina protectora foi retirada da cúpula, converténdose así unha vez máis nun atractivo no horizonte de Bruxelas.[32] Non obstante, o progreso é lento e, en 2013, informouse de que as estadas de dez anos estaban tan oxidadas e inseguras que necesitaban unha renovación.[33]
Desde finais do século XX, moitas xurisdicións abandonaron sucesivamente o Palacio de Xustiza alegando que xa non cumpría os criterios esixidos para o exercicio da xustiza contemporánea, especialmente en canto ao espazo de traballo requirido. O Goberno da Rexión de Bruxelas-Capital rematou ditando dúas ordes de designación, o 3 de maio de 2001 e o 28 de febreiro de 2008, "polo seu interese histórico, artístico e técnico". En 2008, presentouse unha proposta para o recoñecemento do edificio como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.[2] En 2016, o World Monuments Fund colocou o Palacio de Xustiza na súa lista de monumentos en perigo de desaparición.[34] En 2018, tralo colapso de parte do teito, Jean de Codt, primeiro presidente do Tribunal de Casación e máximo maxistrado do país, falou abertamente nos medios para esixir recursos financeiros adicionais para garantir a sostibilidade do edificio e a seguridade daqueles que traballan nel.[35] Sucedéronse varios plans para buscar solucións ás salas en ruínas e aos problemas de seguridade, pero prevese que os traballos se prolonguen durante moitos anos máis, deixando incerto o futuro do edificio. A partir de 2022, anunciáronse plans de renovación adicionais, que se espera que se completen para "2024 ou 2025".[36]
Tamaño
[editar | editar a fonte]O Palacio de Xustiza de Bruxelas foi, no momento da súa construción, o meirande edificio do mundo, e aínda hoxe continúa a ser un dos maiores palacios de xustiza.[2][c] O edificio ocupa 160 por 150 metros,[2] e ten un total de superficie construída de 26 006 m²,[37] máis que a basílica de San Pedro de Roma. A cúpula de 105 metros de altura pesa 24 000 toneladas.[38] O edificio conta con 8 patios cunha superficie de 6 000 m², 27 salas de tribunal grandes e 245 máis pequenas, así como outras estancias. Atópase no alto dun outeiro cunha pendente pronunciada, polo que hai unha diferenza de 20 metros entre a parte baixa da vila e a alta.[39] Isto fixo que o palacio teña varias entradas que se atopan en diferentes niveis.
O edificio contén varias estatuas de grande tamaño de Demóstenes e Licurgo (do escultor Pierre Armand Cattier) e tamén dos xuristas romanos Cicerón e Ulpiano (de Antoine-Félix Bouré).[40] O pórtico central de 39 metros de altura, está arrodeado por un busto da titánide Temis, a personificación da lei e a orde, de Joseph Ducaju.[41] Además, a impresionante entrada principal ou salle des pas perdus (literalmente a "sala dos pasos perdidos") ten un 3 600 m² e inclúe a galería do primeiro andar; de 90 metros de longo e 40 metros de largo. Unha rosa dos ventos de dezaseis raios marca o centro da estancia.[42]
Hai aínda moitas preguntas sen resolver arredor deste proxecto que tivo un orzamento superior aos 50 millóns de francos belgas,[3][a] (que era daquela o equivalente a un ano de obras públicas para todo un ano) cando se estimaba un gasto duns 4 millóns.[d] A desmesura do edificio e a liberdade do arquitecto para anular case todas as regras inicialmente impostas, seguen a ser un gran misterio.
-
Escaleiras monumentais de mármore.
-
Entrada principal ou salle des pas perdus.
-
Unha das enormes portas neoclásicas.
-
No centro do edificio mirando cara á cúpula.
Contorno
[editar | editar a fonte]A Place Poelaert/Poelaertplein diante do Palacio de Xustiza é a meirande praza de Bruxelas e mide 155 metros por 50 metros. O proxecto de desenvolvemento inicial, que prevía un gran cadrado en semicírculo (1862), non se puido executar debido á morte súbita de Poelaert. En consecuencia, esta praza non presenta unha unidade arquitectónica nos edificios que a rodean, nin o belvedere procedente da planta orixinal, senón que constitúe un amplo espazo de tránsito inadecuado para os peóns, non funcionando como praza urbana senón como rotonda para os coches que impiden a apropiación do lugar por parte dos camiñantes. En 1905, foi escenario de prestixiosas conmemoracións polo 75 aniversario da Independencia de Bélxica.[43] Hoxe en día, ofrece unha das mellores vistas de Bruxelas. Desde o miradoiro elevado, a famosa torre do concello de Bruxelas na Grand-Place é claramente visible. Nun día soleado, pódese ver a basílica do Sagrado Corazón e mesmo o Atomium.
Preto do Palacio de Xustiza, na Place Poelaert, atópanse dous monumentos de guerra: o Monumento á Infantaría Belga de Edouard Vereycken (1935) e o Monumento anglo-belga de Charles Sargeant Jagger (1923). Ademais, os ascensores Poelaert,[44] tamén coñecidos popularmente como os ascensores dos Marolles,[45][46][47] son un par de ascensores públicos que conectan a parte alta da cidade coa baixa (a Place Poelaert e a Square Breughel l'Ancien/Breughel de Oudeplein). Foron construídos pola oficina de Arquitectos AVA, baixo a coordinación do arquitecto Patrice Neirinck, e inauguráronse en xuño de 2002.
-
A Place Poelaert/Poelaertplein vista dende as escaleiras do Palacio de Xustiza.
-
Monumento á Infantaría Belga (Vereycken, 1935).
-
Monumento anglo-belga (Sargeant Jagger, 1923).
-
Ascensores Poelaert (Neirinck, 2002)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Esta cantidade era o equivalente a 1,25€ millóns actuais tendo en conta a inflación.
- ↑ O equivalente a 75 000€ actuais tendo en conta a inflación.
- ↑ Non foi até 1965 que foi superado como edificio máis grande do mundo polo Edificio de ensamblaxe de vehículos (VAB) da NASA en cabo Cañaveral.
- ↑ O equivalente a 100 000€ actuais tendo en conta a inflación.
Referencias
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Vandenbreeden & Loits 2001, p. 24.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Centre, UNESCO World Heritage. "Le Palais de Justice de Bruxelles - UNESCO World Heritage Centre". whc.unesco.org. Consultado o 16 de agosto de 2018.
- ↑ 3,0 3,1 Vandenbreeden & Loits 2001, p. 42.
- ↑ "Line 8 to ROODEBEEK - STIB Mobile". m.stib.be. Consultado o 8 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Line 92 to FORT-JACO - STIB Mobile". m.stib.be. Consultado o 8 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Palais de Justice, Brussels - Opening hours, tickets and location". www.introducingbrussels.com. Consultado o 28 de outubro de 2019.
- ↑ 7,0 7,1 "Palais de Justice" (en francés). Belgian federal building registry. 29 de setembro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2011. Consultado o 12 de agosto de 2009.
- ↑ "Place de la Justice". www.reflexcity.net. Consultado o 30 de outubro de 2021.
- ↑ Snaet & Van Besien 2012, p. 78.
- ↑ Vandendaele & Leblicq 1980, p. 251–260.
- ↑ Vandendaele & Leblicq 1980, p. 263.
- ↑ Vandendaele & Leblicq 1980, p. 268.
- ↑ Vandenbreeden & Loits 2001, p. 14.
- ↑ Vandenbreeden & Loits 2001, p. 15.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 Snaet & Van Besien 2012, p. 79.
- ↑ Vandenbreeden & Loits 2001, p. 20.
- ↑ Vandenbreeden & Loits 2001, p. 25–26.
- ↑ Vandenbreeden & Loits 2001, p. 32.
- ↑ Vandenbreeden & Loits 2001, p. 11.
- ↑ Vandendaele & Leblicq 1980, p. 270.
- ↑ Vandendaele & Leblicq 1980, p. 166: Plan du géomètre Van Keerbergen indiquant les propriétés nécessaires à l'érection du Palais de Justice de Poelaert, 9 février 1863 (A.V.B., T.P., 26.242).
- ↑ Quiévreux 1951, p. 257.
- ↑ Vandendaele & Leblicq 1980, p. 166.
- ↑ Mardaga 1994, p. 466.
- ↑ Emerson 1980, p. 264.
- ↑ Demey 2009, p. 172.
- ↑ Vandenbreeden & Loits 2001, p. 33.
- ↑ Vandenbreeden & Loits 2001, p. 34–35.
- ↑ Demey 2009, p. 187.
- ↑ Vandenbreeden & Loits 2001, p. 35.
- ↑ "Bruxelles redécouvre son palais de justice". Luxemburger Wort - Edition francophone (en francés). 8 de agosto de 2019. Consultado o 29 de outubro de 2021.
- ↑ Sports+, DH Les (30 de agosto de 2003). "La coupole du Palais de Justice à nouveau blinquante". DH Les Sports + (en francés). Consultado o 13 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Stellingen Brussels justitiepaleis zelf aan restauratie toe" (en neerlandés). De Standaard. 30 de novembro de 2013. Consultado o 23 de xuño de 2014.
- ↑ "Brussels Palace of Justice". World Monuments Fund (en inglés). Consultado o 29 de outubro de 2021.
- ↑ "Délabrement du palais de justice: "désinvestissement" et "désorganisation" selon Jean de Codt". RTBF Info (en francés). 6 de setembro de 2018. Consultado o 29 de outubro de 2021.
- ↑ The Brussels Times (2 de maio de 2022). "Brussels Justice Palace renovation delayed again as 15% of bricks must be replaced". www.brusselstimes.com (en inglés). Consultado o 2 de maio de 2022.
- ↑ Vandenbreeden & Loits 2001, p. 21.
- ↑ Vandenbreeden & Loits 2001, p. 28.
- ↑ Vandenbreeden & Loits 2001, p. 41.
- ↑ Vandenbreeden & Loits 2001, p. 35–36.
- ↑ Van Win 2012, p. 272–273.
- ↑ Vandenbreeden & Loits 2001, p. 38.
- ↑ Bournons 2009, p. 34.
- ↑ "Constructie van de Poelaertliften". Beliris (en neerlandés). Consultado o 19 de xuño de 2021.
- ↑ "Bruxelles La passerelle de l'ascenseur des Marolles est arrivée samedi Réconcilier le haut et le bas de la ville MODE D'EMPLOI". Le Soir Plus (en francés). Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2022. Consultado o 19 de xuño de 2021.
- ↑ "Les ascenseurs des Marolles seront rénovés en 2021". BX1 (en francés). 7 de xullo de 2020. Consultado o 19 de xuño de 2021.
- ↑ "Lift Marollen in nieuw kleedje". www.bruzz.be (en neerlandés). Consultado o 19 de xuño de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Palacio de Xustiza de Bruxelas |
A Galipedia ten un portal sobre: Bélxica |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bournons, Éric (2009). Bruxelles d'Antan. Bruxelles à travers la carte postale ancienne. (en francés). París: HC Éditions. ISBN 978-2-357-20017-3.
- Debes, Ilona Andrea (2021). Der vergessene Löwe - Anmerkungen zu einer Löwenfigur von Léandre Grandmoulin im Justizpalast von Brüssel in: "Mit Belgien ist das so eine Sache ..." - Resultate und Perspektiven der Historischen Belgienforschung (en alemán). Münster: Waxmann Verlag. ISBN 978-3-8309-4317-4.
- Demey, Thierry (2009). Léopold II (1865-1909). La marque royale sur Bruxelles (en francés). Bruxelas: Badeaux. ISBN 978-2-9600414-8-4.
- Emerson, Barbara (1994). Léopold II, le royaume et l'empire (en francés). Bruxelas: Duculot.
- Snaet, Joris; Van Besien, Elisabeth (2012). Le Palais de Justice de Bruxelles. Un tour de force monumental. Bruxelles Patrimoines (en francés) 3–4. Bruxelas: Éditions de la Région de Bruxelles-Capitale.
- Speer, Albert (1995). Inside the Third Reich. R. and C. Winston (trans.). Londres: Weidenfeld & Nicolson. ISBN 978-1-84212-735-3.
- Quiévreux, Louis (1951). Bruxelles, notre capitale: histoire, folklore, archéologie. (en francés). Bruxelas: PIM-Services.
- Vandenbreeden, Jos; Loits, André (2001). Le Palais de Justice. Bruxelles, ville d'Art et d'Histoire (en francés) 31. Bruxelas: Éditions de la Région de Bruxelles-Capitale. ISBN 978-2-930457-78-9.
- Vandendaele, Richard; Leblicq, Yvon (1980). Poelaert et son temps (en francés). Bruxelas: Crédit Communal de Belgique.
- Van Win, Jean (2012). Bruxelles maçonnique. Faux mystères et vrais symboles (en francés). Bruxelas: Télélivre. ISBN 978-2-930331-09-6.
- Le Patrimoine monumental de la Belgique: Bruxelles (PDF) (en francés). 1C: Pentagone N-Z. Liexa: Pierre Mardaga. 1994.